O proxecto

Ardelloeixo é o programa de dinamización do folclore e a música tradicional na Coruña. O obxectivo do proxecto é dar visibilidade e normalidade á cultura tradicional, e facelo dunha forma inclusiva, desde unha perspectiva de xénero acorde cos tempos nos que vivimos. Ardelloeixo é unha iniciativa aberta e que busca integrar a todas aquelas persoas e colectivos que se achegan ás foliadas, tocan, bailan e manteñen viva a tradición galega nas asociacións, nos centros sociais ou nas prazas, xa sexa vestidas de traxe ou de rúa.

O proxecto arrancou cunha foliada no Campo da Leña en decembro de 2015. Foi unha data clave, xa que se comprobou o forte tecido social que hai detrás da música tradicional, así como a vontade de ocupar os espazos públicos para bailar e cantar. Sobre todo, reforzouse a autoestima do colectivo e os lazos entre as distintas asociacións. A este primeiro evento seguíronlle outras foliadas polos barrios ou fitos tan importantes como a recuperación e expansión da Romaría de Santa Margarida, que pasou a estar presente en boa parte da cidade. Esta web pretende recoller ese espírito e levalo ás redes.